31 mar 2011

XA NACERON AS PRIMEIRAS EIRUGAS DE SEDA!

A semana pasada en Leiro comezaron a eclosionar os ovos que puxeran as bolboretas en xuño. Son moi pequerrechiñas e á profe Ángeles custoulle moito cóllelas sen esmagalas pero, cando Rafa conectou o visualizador ao encerado dixital, puidemos distinguir claramente os ovos eclosionados, ver como loitaban por saír as novas eirugas, cales estaban a punto de nacer e, incluso, como se movían por riba das follas de moreira buscando comida. Aquí tedes unha pequena mostra das fotos, cando fagamos a montaxe subiremos todas ao Blog.




27 mar 2011

CUMPREANOS DO MES DE MARZO NA ESCOLA DE RIBADUMIA

Este mes foron Nico F, Alba e Rubén os que nos convidaron a unha riquísima tarta de chocolate, galletas e amorodos para celebrar que cumpren un ano máis. Moitas felicidades para os tres!

25 mar 2011

"Apaga a luz, acende o planeta"



Na noite do sábado 26 de marzo ao domingo, ademais de cambiar a hora nos nosos reloxos, hai outra hora importante. Unha convocatoria a nivel mundial, a hora do planeta, que quere sensibilizar á poboación sobre a necesidade da loita contra o cambio climático. Apagar a luz de 20:30 a 21:30 é a acción proposta pola organización WWF.

Na páxina web podedes atopar máis información; ao anotarse accédese a un mapa no que introducindo o código postal do enderezo, pódese colocar unha bombilla que simboliza a participación nesta acción. Hai tamén unha zona para os máis pequenos con diferentes propostas que axudan a explicar a importancia dun consumo enerxético responsable. Mesmo POCOYÓ participa na hora do planeta.

22 mar 2011

Mascotas do CRA

No C.R.A de Ribadumia ademáis da nosa mascota da biblioteca Zapatocas, temos outras dúas:
Verdiño, que é a mascota do noso xardín e axúdanos a coidar e respectar as plantas e árbores

Roquiña, que axúdanos a conservar a biodiversidade para así poder ter un planeta máis bonito e saudable

Realizamos un proxecto “Protexemos a biodiversidade, coidamos o planeta”, a través do que aprendemos a importancia de facer cousas como: reciclar, elaborar compost, aforrar auga, non contaminar o aire…

20 mar 2011

Os Soles de Sisán

Moito traballaron os nenos de Sisán no proxecto do Universo. Fixeron un gran mural no que aparecen representados todos os planetas e os nenos como astronautas. Puxéronse así de guapos para celebralo. Moi bo traballo cativos!!!

CELEBRAMOS O ENTROIDO

O primeiro venres do mes de marzo celebramos o entroido no CRA. Xuntámosnos todos os nenos das escolas na sede de Leiro e fixemos unha pequena festa. Cantamos todos xuntos coas profes Montse e María, disfrazámonos e despois fomos dar un paseo polas rúas da aldea.
Ao chegar de novo a escola fixemos unha merendola coas larpeiradas que trouxeron os cativos: orellas, filloas, flores, rosquillas...Estaba todo boísimo!!!
Para rematar a festa, cada escola fixo unha pequena actuación.
Queremos dar as grazas aos pais e nais que sempre colaboran moito nestas festas, e en particular ás que quixeron disfrazarse e pasar a mañá con nos. Aquí tedes algunha fotos.

3 mar 2011

LARPEIRADA DE ENTROIDO

Xa que estamos a poucos días de celebrar o entroido, hoxe fixemos unha receita con algo típico destas festas: as filloas.... e para darlle o noso toque larpeiro botámoslles chocolate e anaquiños de kiwi. Lástima que non houbera máis...

1 mar 2011

UNHA RICA RECEITA CON LEITUGA

Moito traballiño levamos sachando, plantando, regando... pero agora é tempo de colleita: leitugas, escarolas, porros... están listos para comer. Coas leitugas preparamos cos cativos estes riquísimos "Rolos de bizcoito recheo".


Como seguro que vendo as fotos teredes ganas de probar, aquí vos achegamos a receita cos ingredientes necesarios para a súa elaboración.

XA TEMOS VERDURAS!

Xa medraron as verduras do noso invernadoiro pero, como a nosa producción é pequena e non chega para todos, cada semana, por sorteo, os nenos irán levando os productos para casa. Esperamos que todas as familias do centro poidan probalas.
Aquí podedes ver a primeira afortunada da rifa